Blogia
Paradiplomacy / Paradiplomatie / Paradiplomacia / Paradiplomazia

Galiza. Escritores, editores e artistas galegos daranse cita na Semana da lingua e a cultura galegas que se vai celebrar en Damasco

O Instituto Cervantes de Damasco será a sede, entre o 12 e o 19 de maio, da Semana Cultural de Galicia promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Aproveitando a celebración do Día das Letras Galegas, a capital siria acollerá unha serie de actividades arredor da cultura e da lingua galegas, na que participarán escritores, editores, músicos, artistas e outros representantes da cultura e o deporte galegos.

En virtude do convenio de colaboración que mantén a Secretaría Xeral de Política Lingüística co Instituto Cervantes, o pasado mes de novembro inaugurouse na súa sede de Damasco a Biblioteca Álvaro Cunqueiro. Foi entón cando se acordou celebrar unha semana da cultura e a lingua galegas en Siria, que permitirá afondar no coñecemento mutuo de Galicia e do mundo árabe.

Edición e tradución
O programa inclúe a presentación do Premio de Narrativa Torrente Ballester, na que participarán Luísa Castro, Xesús Constenla e Mercedes Monmany. Celebrarase tamén unha mesa redondas obre edición e tradución, na que intervirán o editor de Xerais, Manuel Bragado, o de Rinoceronte, Moisés Barcia, e o escritor Andrés Barba.

Dentro do calendario de actividades previsto, está programado tamén un concerto do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, no Palacio da Ópera de Damasco, e a charla sobre literatura e deporte do ciclista galego Álvaro Pino.

Por outra parte, entre o 23 de maio e o 23 de xuño, a capital siria acollerá a exposición de Xosé Freixanes titulada Voces de Basalto Negro, unha instalación que pretende facer reflexionar sobre o poder da palabra fronte á falta de sentido da violencia entre os pobos. Para iso, o artista empregará varios poemas, en árabe, español e galego que se disporán polo espazo físico dunha antiga residencia para comerciantes do antigo Imperio Otomán reconvertida en centro de exposicións no centro de Damasco. Os textos de Alfonso Pexegueiro, Álvaro Cunqueiro, José Ángel Valente, Antonio Gamoneda, e doutros seis autores árabes forman parte da exposición.

Xunta de Galicia

0 comentarios