Blogia
Paradiplomacy / Paradiplomatie / Paradiplomacia / Paradiplomazia

Galicia aposta pola apertura de novos consulados para fortalecer a colaboración e os intercambios comerciais cos países árabes

As relacións con Mundo Árabe serán unha prioridade da política exterior de Galicia

Emilio Pérez Touriño reuniuse esta mañá no Pazo de Raxoi cunha delegación de embaixadores e representantes diplomáticos dos países da Liga Árabe en España

Entre as liñas prioritarias de acción sitúa o potenciamento dos intercambios comerciais en sectores como a pesca, a madeira, a construción e o termalismo

Chama a impulsar o estudo da lingua e a cultura árabes nas universidades galegas e a traballar no recoñecemento de estudos para alumnos árabes que queiran cursar ensino superior en Galicia


Santiago, 14 de abril de 2007.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, apostou esta mañá por potenciar a colaboración e aproveitar as oportunidades existentes para ampliar os intercambios económicos e comerciais de Galicia con Mundo Árabe. Para acadalo, anunciou que unha das “prioridades exteriores” do Goberno galego será o establecemento dunha maior implicación co mundo árabe, para o que se reforzarán catro liñas de traballo: a creación de novos consulados árabes na comunidade; o impulso da lingua e a cultura árabe nas universidades galegas; o recoñecemento de estudos para os alumnos que queiran cursar ensino superior en Galicia e o impulso e diversificación de investimentos e relacións comerciais con estas nacións.

Así o asegurou esta mañá durante a recepción ofrecida no Pazo de Raxoi aos embaixadores e representantes diplomáticos dos países da Liga Árabe en España, de visita estes días na capital de Galicia.

Pérez Touriño salientou que as “potencialidades” comerciais cos países árabes “son enormes e deben ser abordadas con iniciativa, perseveranza e creatividade”, motivo polo que anunciou que a Xunta impulsará estas catro liñas de actuación.

A primeira delas, segundo explicou, pasa por impulsar o establecemento de consulados de países árabes en Galicia de forma que se contribúa a facilitar os trámites administrativos de todos os que desexen establecer contactos cos países árabes, “sexan persoas físicas ou xurídicas”.

En segundo lugar, Touriño apostou por potenciar o impulso do estudo da lingua e a cultura árabe nas tres universidades galegas. Como terceiro eixe de actuación incidiu na necesidade de buscar fórmulas que posibiliten o recoñecemento de estudos para alumnos árabes que queiran cursar estudos nas universidades galegas. E, finalmente, avogou por establecer as bases para “impulsar, dinamizar e diversificar” os investimentos e as relacións comerciais entre Galicia e os países árabes en ámbitos como o turismo –“no que espero que mañá se concrete unha iniciativa de colaboración”-, o termalismo, a pesca, o sector da madeira e a construción.

“Nun mundo cada vez máis globalizado, Galicia agarda asumir un elevado compromiso de interrelación cos países árabes, na busca de espazos de encontro e intercambio que permitan fomentar as relacións de multilateralidade e multipolaridade como elementos esenciais na construción do mundo do século XXI”, salientou.

Na súa intervención ante os embaixadores e diplomáticos, o máximo mandatario galego incidiu en que na actualidade existe un aumento na “interrelación de prioridades e intereses” entre Galicia e o Mundo Árabe, como o demostran a notable presenza en Galicia de colectivos inmigrantes árabes, especialmente procedentes de Siria, Líbano e Palestina, e as “estratéxicas relacións comerciais e económicas” con países como Marrocos, Mauritania, Iraq, Sudán e os Emiratos Árabes Unidos en sectores como a pesca, as políticas marítimas, as telecomunicacións ou a construción.

Relacións culturais
Sen esquecer, agregou o presidente, as relacións culturais, das que puxo como exemplo a inauguración en setembro pasado da Biblioteca Álvaro Cunqueiro en Damasco ou a presenza de numerosos estudantes palestinos e árabes nas universidades galegas ou o labor social das ONG que xestionan proxectos de cooperación en varios países árabes.

A este respecto, o presidente da Xunta lembrou o acordo asinado polos municipios agrupados no Fondo de Cooperación, a Xunta e o Comité Español da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina co obxecto de rehabilitar vivendas neste territorio.

“Todo isto constitúe unha excelente plataforma para ampliar os nosos intercambios económicos e comerciais, nos que, certamente, abundan as oportunidades para explorar”, sinalou Pérez Touriño, quen lembrou que o comercio bilateral ascendeu en 2006 a 1.674 millóns de euros.

Alianza de Civilizacións
Na súa intervención ante os embaixadores e diplomáticos árabes, o presidente da Xunta analizou tamén a situación que se vive na zona e as iniciativas postas en marcha para buscar solucións aos conflitos actuais. A este respecto, expresou o seu respaldo ao compromiso adoptado polo presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, o primeiro ministro de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, xunto co ex secretario xeral da ONU e o ex presidente de Irán para o impulso da iniciativa da Alianza e o Diálogo de Civilizacións.

“Consideramos que esta proposta constitúe un marco vital de referencia para tender pontes entre as distintas culturas e comunidades, promover valores esenciais como o respecto, o coñecemento e a tolerancia relixiosa, así como o diálogo, o entendemento e o impulso á democratización, bases todas elas indispensables para impulsar a solución dos problemas mundiais e destacar o proceso de interdependencia entre as respectivas sociedades nun mundo cada vez máis globalizado e complexo”, expresou.

Neste contexto, o presidente considerou “esencial” a preservación de mecanismos de relación entre Europa e o Mundo Árabe e destacou neste senso iniciativas como a apertura da Casa Árabe en Madrid ou o compromiso de celebrar unha Conferencia Política para resolver as diferenzas entre Europa e os países árabes, así como os conflitos que asolan Oriente Próximo.

Finalmente, o presidente considerou “esencial e primordial” a busca dunha solución xusta do conflito árabe-palestino-israelí para poder acadar “un eficaz marco de cooperación rexional que permita avanzar nos mecanismos de diálogo, paz e resolución de conflitos”. Respecto de Iraq, e tras manifestar o “inquebrantable apoio ao Goberno lexítimo iraquí” e ao Pacto Internacional para Iraq impulsado pola ONU, o presidente considerou esencial incluír no marco de negociación a todas as foras políticas e sociais deste país para conformar un “diálogo frutífero” de unidade nacional, pacificación e reconciliación.

Asistentes
No acto desta mañá participaron os embaixadores de Arabia Saudí, S.A.R. Príncipe Saud Bin Naid Bin Abdulaziz Al Saud; Libia, Abdulwahed R. Gammudi; Iraq, Talal Hashim Al-Khudairi; Emiratos Árabes Unidaos, Sultan M. Al-Qortasi Al-Noaimi; Túnez, Habib M´Barek; Arxelia, Mohammed Haneche; Siria, Makram Obeid; Exipto, Yasser Morad Osman Hosny; Sudán, Eluzai Moga Yokwe; Omán, Hilal Bin Marhoon Bin Salim Al Mamari, así como o director-embaixador da Liga Árabe, Hassine Bouzid; o delegado xeral da Autoridade Nacional Palestina, Musa Amer Odeh, e o encargado de Negocios de Yemen, Abbouirahman M.Kamarani, entre outros. Ademais, por parte do Goberno galego, asistiu o secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino.


Data: 11:31 - 14/04/2007
Áreas temáticas: Área de Goberno Galego
Fonte: Presidencia

0 comentarios