Blogia
Paradiplomacy / Paradiplomatie / Paradiplomacia / Paradiplomazia

Galicia. A dirección xeral de Cooperación Exterior colaborará con SOGAMA nun programa de xestión de residuos na República Dominicana

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior colaborará coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) nun proxecto que ten como obxectivo mellorar a xestión e tratamento de residuos na República Dominicana, de cara a un desenvolvemento sostible do país. O programa levarase a cabo en dúas municipalidades, Santiago de los Caballeros e Puerto Plata, un centro turístico importante da República Dominicana pero que conta con graves deficiencias en materia medioambiental.

Nestas zonas o lixo acumúlase en vertedoiros incontrolados creando graves riscos para a saúde da poboación, así como importantes estragos medioambientais. Deste xeito o que se pretende é sentar as bases para unha xestión racional dos residuos que minimice o impacto ambiental, sente as bases dun desenvolvemento sostible e repercuta positivamente no ámbito económico mediante a implantación de empresas de xestión viables.

Implicación local
Reforzar as capacidades institucionais e implicar as autoridades tanto locais como nacionais é outra das prioridades do programa, que pretende mellorar as capacidades técnicas das administracións para que nun futuro próximo poidan manter por sí mesmas o ciclo de tratamento de residuos. Un dos principais problemas que prantexa o proxecto é a integración da poboación que subsiste grazas a actividade que se xera arredor dos vertedoiros. Para solventalo, facilitaráselles unha saída económica que lles permita implicarse no proceso de desenvolvemento das súas comunidades, a través da creación de cooperativas ou mediante procesos formativos que lles permitan diversificar a súa actividade económica.

Outro dos aspectos nos que incide o proxecto é o da sensibilización a nivel medioambiental da poboación beneficiaria, de xeito que se impliquen e se conciencien na necesidade de tratar axeitadamente os residuos como base da mellora das condicións hixiénicas e sanitarias.
Desprazamento de dous técnicos galegos
Está previsto que nos vindeiros meses se despracen á República Dominicana dous técnicos galegos para identificar no terreo as necesidades no ámbito da xestión medioambiental, así como para reunirse con todos os axentes implicados. Así mesmo estes técnicos serán os encargados de capacitar ao personal local, para que unha vez finalizado o proxecto, no mes de novembro, este poida manterse sen axuda externa.

Mecanismo de Desenvolvemento Limpo
Neste proxecto aplicarase o Mecanismo de Desenvolvemento Limpo do Protocolo de Kyoto, que consiste na realización de proxectos en países de desenvolvemento que xeren un aforro de emisións contaminantes adicional ao que se produciría no suposto de ter empregado teconoloxía convencional. Este aforro de emisións, unha vez certificadas, poden ser comercializadas e adquiridas polas entidades públicas ou privadas dos países desenvolvidos ou das economías de transción, para o cumprimento dos compromisos de redución de dito protocolo.

0 comentarios