Blogia
Paradiplomacy / Paradiplomatie / Paradiplomacia / Paradiplomazia

Galiza. Unha delegación de cooperativas de Polonia, Italia e Galicia amosan en Santiago os logros acadados en integración laboral

Novas da Xunta de Galicia

Técnicos e representantes de entidades do cooperativismo e da economía social de Italia, Polonia e Galicia, intercambiarán en Santiago experiencias de boas prácticas empresarias, materializadas polas entidades europeas participantes no proxecto Equal II-Equality, ao que está adscrito o programa impulsado pola Consellería de Traballo Nexus Rede, “Retos e desafíos para a adaptabilidade das cooperativas e o fomento da igualdade de oportunidades en sectores estratéxicos da economía galega”. Este encontro comezará mañá e se desenvolverá ata o vindeiro venres, 20 de abril.

O programa de actividades se iniciará ás 10,00 horas, no Centro Estudos Avanzados da Universidade de Santiago, onde analizarán as experiencias propias relativas á aplicación de certificados de calidade e integración laboral de persoas con discapacidade, risco de exclusión ou colectivos minorizados. A xornada continuará ao longo da mañá coa celebración dunha serie de mesas de traballo, nas que se abordarán a situación e perspectivas da economía social, amosando distintos procesos de implantación de calidade en entidades de economía social de Polonia e Galicia.

As sete da tarde, inaugurarase unha exposición didáctica de boas prácticas na Facultade de Ciencias Económicas de Santiago, onde se recollen experiencias de integración laboral e calidade a través da economía social e o cooperativismo en Galicia, Polonia e Italia. A mostra permanecerá no vestíbulo da devandita Facultade durante quince días, para difundir entre os estudantes e futuros empresarios as vantaxes da fórmula empresarial cooperativa.

Esta primeira xornada finalizará cunha conferencia sobre Potencialidades da Sociedade Cooperativa Europea na economía globalizada. Durante os dous seguintes días os socios europeos do proxecto Nexus Rede realizarán reunións con cooperativas en Ourense, Santiago, Oleiros e Lorbé. Tamén no decurso deste encontro, os convidados italianos e polacos visitarán a Escola Cooperativa Móbil Nexus Rede, instalada na explanada da Torre de Hércules da Coruña dende o pasado martes 10.

Esta xuntanza está organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), e se enmarca dentro do proxecto Equal II-Equality, no que se inclúe o programa aprobado polo Fondo Social Europeo Nexus Rede, que impulsa a Consellería de Traballo e no que colaboran a Consellería de Pesca, a Universidade de Santiago, a Federación de Empresas Cooperativas SINERXIA, a Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (UGACOTA) e a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao.

0 comentarios