Blogia
Paradiplomacy / Paradiplomatie / Paradiplomacia / Paradiplomazia

Galiza. Touriño presidirá a vindeira semana o Cumio de Guimaraes que aprobará o Plan Estratéxico de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2007-2013, dotado con 97 millóns de euros

O presidente da Xunta desprazarase ao país veciño para participar no plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal
Xunta de Galizia 07/04/2007

O titular da Xunta e o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Carlos Lage, participarán nun coloquio o vindeiro xoves baixo o lema Galicia e Norte de Portugal, Estratexia de Cooperación 2007-2013

O venres terá lugar a xuntanza da Comunidade de Traballo en Guimarães, onde se presentará a súa nova estrutura orgánica

Santiago, 7 de abril de 2007.- O titular do Executivo galego e presidente da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, Emilio Pérez Touriño, presidirá o vindeiro venres na localidade lusa de Guimarães, o cumio entre Galicia e o Norte de Portugal que vai aprobar do Plan Estratéxico de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2007-2013. Este plan, que deberá ser aprobado polo plenario, marca unha nova estratexia de cooperación territorial para a Eurorrexión e conta cun orzamento de 97 millóns de euros.

Será a primeira vez que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal conte cun Plan Estratéxico propio que defina obxectivos e programas e marque claramente as liñas de actuación para aplicar o volume de fondos financeiros dos que vai dispor entre 2007 e 2013.

O plan estratéxico de cooperación centrarase en catro liñas fundamentais: o fomento da competitividade e a promoción do emprego, o medio ambiente, a preservación do patrimonio e o desenvolvemento sustentable; a ordenación do territorio e a mellora da accesibilidade á eurorrexión; e a integración socioeconómica.

Coloquio en Porto
O día anterior á celebración do plenario, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Carlos Lage, participarán nun coloquio en Porto baixo o lema Galicia e Norte de Portugal, Estratexia de Cooperación 2007-2013.

Neste foro, o presidente da Xunta terá a oportunidade de defender o traballo realizado na procura de acadar un territorio, o da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, máis atractivo para traballar e para investir. Así mesmo, defenderá incrementar a produtividade do tecido empresarial e aumentar a súa cohesión social e territorial, dentro do ámbito dunhas relacións de cooperación “de segunda xeración”, como ten sinalado en numerosas ocasións.

No marco do encontro de traballo que se celebrará en Guimarães presentarase, así mesmo, a nova estrutura orgánica da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, CTG-NP.

Está previsto que asistan á xuntanza por parte do Goberno galego, ademais do presidente da Xunta, os conselleiros de Política Territorial, María José Caride, e de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, así como o secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino.

0 comentarios