Blogia
Paradiplomacy / Paradiplomatie / Paradiplomacia / Paradiplomazia

Galiza

Galiza. As universidades de Kiel, Zadar e San Paulo inclúen o galego na súa oferta docente do vindeiro curso académico

A Secretaría Xeral de Política Lingüística incrementa, a partir do vindeiro curso, as posibilidades de proxección exterior do galego grazas á creación de tres novos centros de estudos galegos con cadanseu lectorado. A Universidade Cristiá Albertiana de Kiel, en Alemaña, a de Zadar, en Croacia, e a de San Paulo, no Brasil, terán, a partir do curso 2007-2008, no seu programa de estudos, a oferta docente da materia de lingua e cultura galegas, tralos acordos asinados entre as tres institucións académicas e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Por este motivo, nun prazo breve de tempo farase unha convocatoria de selección para dotar de profesores aos novos centros de estudos galegos. Na mesma convocatoria procederase a seleccionar tamén novos lectores para universidades onde xa existe esta plataforma, pero que renovan profesorado. Trátase da Autónoma de Barcelona, a de Salamanca, a de Estremadura, a Libre de Berlín, a de Bangor, a de Rennes 2, a de Varsovia e a Nova de Lisboa.

Filólogos e licenciados en Tradución e Interpretación
Poderán participar neste proceso de selección as persoas con nacionalidade de calquera dos países membros da Unión Europea licenciadas en Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica na subsección de Galego-portugués ou Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego. Ademais, tamén poderán acceder á convocatoria dos lectorados localizados en Alemaña, Reino Unido, Francia, Polonia e Croacia os licenciados en Tradución e Interpretación que posúan 27 créditos de galego e 21 créditos de inglés, ou da lingua oficial do país no que se localice o lectorado solicitado.

Para as universidades situadas en Europa, os nomeamentos dos novos lectores faranse efectivos a partir do 1 de outubro de 2007, mentras que para o lectorado da Universidade de San Paulo o nomeamento será o 1 de xaneiro de 2008.

Unha comisión de valoración realizará a selección do profesorado. Estará presidida pola subdirectora xeral de Política Lingüística e composta pola xefa do Servizo de Plans, Programas e Asesoramento Lingüístico, o xefe de Sección de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega, o responsable do Centro de Estudos Galegos de cada unha das universidades e un funcionario da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario, con voz pero sen voto.

Formación, docencia e coñecemento de idiomas
A comisión de valoración terá en conta, para seleccionar ao persoal, a formación dos aspirantes –doutoramento, licenciatura distinta da esixida, expediente académico, cursos e actividades de formación relacionadas co ensino–, a actividade docente que teñan desenvolvido, así como as publicacións nas que participasen, a súa experiencia e coñecementos do lugar e do idioma de destino, o interese do proxecto de actividade que presenten e a adecuación ao posto de traballo do seu currículo. Ademais, os candidatos manterán unha entrevista persoal cos membros da comisión de valoración.

A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia en vindeiras datas.l acompanyarà la comitiva oficial.

Galicia. A dirección xeral de Cooperación Exterior colaborará con SOGAMA nun programa de xestión de residuos na República Dominicana

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior colaborará coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) nun proxecto que ten como obxectivo mellorar a xestión e tratamento de residuos na República Dominicana, de cara a un desenvolvemento sostible do país. O programa levarase a cabo en dúas municipalidades, Santiago de los Caballeros e Puerto Plata, un centro turístico importante da República Dominicana pero que conta con graves deficiencias en materia medioambiental.

Nestas zonas o lixo acumúlase en vertedoiros incontrolados creando graves riscos para a saúde da poboación, así como importantes estragos medioambientais. Deste xeito o que se pretende é sentar as bases para unha xestión racional dos residuos que minimice o impacto ambiental, sente as bases dun desenvolvemento sostible e repercuta positivamente no ámbito económico mediante a implantación de empresas de xestión viables.

Implicación local
Reforzar as capacidades institucionais e implicar as autoridades tanto locais como nacionais é outra das prioridades do programa, que pretende mellorar as capacidades técnicas das administracións para que nun futuro próximo poidan manter por sí mesmas o ciclo de tratamento de residuos. Un dos principais problemas que prantexa o proxecto é a integración da poboación que subsiste grazas a actividade que se xera arredor dos vertedoiros. Para solventalo, facilitaráselles unha saída económica que lles permita implicarse no proceso de desenvolvemento das súas comunidades, a través da creación de cooperativas ou mediante procesos formativos que lles permitan diversificar a súa actividade económica.

Outro dos aspectos nos que incide o proxecto é o da sensibilización a nivel medioambiental da poboación beneficiaria, de xeito que se impliquen e se conciencien na necesidade de tratar axeitadamente os residuos como base da mellora das condicións hixiénicas e sanitarias.
Desprazamento de dous técnicos galegos
Está previsto que nos vindeiros meses se despracen á República Dominicana dous técnicos galegos para identificar no terreo as necesidades no ámbito da xestión medioambiental, así como para reunirse con todos os axentes implicados. Así mesmo estes técnicos serán os encargados de capacitar ao personal local, para que unha vez finalizado o proxecto, no mes de novembro, este poida manterse sen axuda externa.

Mecanismo de Desenvolvemento Limpo
Neste proxecto aplicarase o Mecanismo de Desenvolvemento Limpo do Protocolo de Kyoto, que consiste na realización de proxectos en países de desenvolvemento que xeren un aforro de emisións contaminantes adicional ao que se produciría no suposto de ter empregado teconoloxía convencional. Este aforro de emisións, unha vez certificadas, poden ser comercializadas e adquiridas polas entidades públicas ou privadas dos países desenvolvidos ou das economías de transción, para o cumprimento dos compromisos de redución de dito protocolo.

Galiza. Escritores, editores e artistas galegos daranse cita na Semana da lingua e a cultura galegas que se vai celebrar en Damasco

O Instituto Cervantes de Damasco será a sede, entre o 12 e o 19 de maio, da Semana Cultural de Galicia promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Aproveitando a celebración do Día das Letras Galegas, a capital siria acollerá unha serie de actividades arredor da cultura e da lingua galegas, na que participarán escritores, editores, músicos, artistas e outros representantes da cultura e o deporte galegos.

En virtude do convenio de colaboración que mantén a Secretaría Xeral de Política Lingüística co Instituto Cervantes, o pasado mes de novembro inaugurouse na súa sede de Damasco a Biblioteca Álvaro Cunqueiro. Foi entón cando se acordou celebrar unha semana da cultura e a lingua galegas en Siria, que permitirá afondar no coñecemento mutuo de Galicia e do mundo árabe.

Edición e tradución
O programa inclúe a presentación do Premio de Narrativa Torrente Ballester, na que participarán Luísa Castro, Xesús Constenla e Mercedes Monmany. Celebrarase tamén unha mesa redondas obre edición e tradución, na que intervirán o editor de Xerais, Manuel Bragado, o de Rinoceronte, Moisés Barcia, e o escritor Andrés Barba.

Dentro do calendario de actividades previsto, está programado tamén un concerto do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, no Palacio da Ópera de Damasco, e a charla sobre literatura e deporte do ciclista galego Álvaro Pino.

Por outra parte, entre o 23 de maio e o 23 de xuño, a capital siria acollerá a exposición de Xosé Freixanes titulada Voces de Basalto Negro, unha instalación que pretende facer reflexionar sobre o poder da palabra fronte á falta de sentido da violencia entre os pobos. Para iso, o artista empregará varios poemas, en árabe, español e galego que se disporán polo espazo físico dunha antiga residencia para comerciantes do antigo Imperio Otomán reconvertida en centro de exposicións no centro de Damasco. Os textos de Alfonso Pexegueiro, Álvaro Cunqueiro, José Ángel Valente, Antonio Gamoneda, e doutros seis autores árabes forman parte da exposición.

Xunta de Galicia

Galiza. Unha delegación de cooperativas de Polonia, Italia e Galicia amosan en Santiago os logros acadados en integración laboral

Novas da Xunta de Galicia

Técnicos e representantes de entidades do cooperativismo e da economía social de Italia, Polonia e Galicia, intercambiarán en Santiago experiencias de boas prácticas empresarias, materializadas polas entidades europeas participantes no proxecto Equal II-Equality, ao que está adscrito o programa impulsado pola Consellería de Traballo Nexus Rede, “Retos e desafíos para a adaptabilidade das cooperativas e o fomento da igualdade de oportunidades en sectores estratéxicos da economía galega”. Este encontro comezará mañá e se desenvolverá ata o vindeiro venres, 20 de abril.

O programa de actividades se iniciará ás 10,00 horas, no Centro Estudos Avanzados da Universidade de Santiago, onde analizarán as experiencias propias relativas á aplicación de certificados de calidade e integración laboral de persoas con discapacidade, risco de exclusión ou colectivos minorizados. A xornada continuará ao longo da mañá coa celebración dunha serie de mesas de traballo, nas que se abordarán a situación e perspectivas da economía social, amosando distintos procesos de implantación de calidade en entidades de economía social de Polonia e Galicia.

As sete da tarde, inaugurarase unha exposición didáctica de boas prácticas na Facultade de Ciencias Económicas de Santiago, onde se recollen experiencias de integración laboral e calidade a través da economía social e o cooperativismo en Galicia, Polonia e Italia. A mostra permanecerá no vestíbulo da devandita Facultade durante quince días, para difundir entre os estudantes e futuros empresarios as vantaxes da fórmula empresarial cooperativa.

Esta primeira xornada finalizará cunha conferencia sobre Potencialidades da Sociedade Cooperativa Europea na economía globalizada. Durante os dous seguintes días os socios europeos do proxecto Nexus Rede realizarán reunións con cooperativas en Ourense, Santiago, Oleiros e Lorbé. Tamén no decurso deste encontro, os convidados italianos e polacos visitarán a Escola Cooperativa Móbil Nexus Rede, instalada na explanada da Torre de Hércules da Coruña dende o pasado martes 10.

Esta xuntanza está organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), e se enmarca dentro do proxecto Equal II-Equality, no que se inclúe o programa aprobado polo Fondo Social Europeo Nexus Rede, que impulsa a Consellería de Traballo e no que colaboran a Consellería de Pesca, a Universidade de Santiago, a Federación de Empresas Cooperativas SINERXIA, a Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (UGACOTA) e a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao.

Galicia aposta pola apertura de novos consulados para fortalecer a colaboración e os intercambios comerciais cos países árabes

As relacións con Mundo Árabe serán unha prioridade da política exterior de Galicia

Emilio Pérez Touriño reuniuse esta mañá no Pazo de Raxoi cunha delegación de embaixadores e representantes diplomáticos dos países da Liga Árabe en España

Entre as liñas prioritarias de acción sitúa o potenciamento dos intercambios comerciais en sectores como a pesca, a madeira, a construción e o termalismo

Chama a impulsar o estudo da lingua e a cultura árabes nas universidades galegas e a traballar no recoñecemento de estudos para alumnos árabes que queiran cursar ensino superior en Galicia


Santiago, 14 de abril de 2007.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, apostou esta mañá por potenciar a colaboración e aproveitar as oportunidades existentes para ampliar os intercambios económicos e comerciais de Galicia con Mundo Árabe. Para acadalo, anunciou que unha das “prioridades exteriores” do Goberno galego será o establecemento dunha maior implicación co mundo árabe, para o que se reforzarán catro liñas de traballo: a creación de novos consulados árabes na comunidade; o impulso da lingua e a cultura árabe nas universidades galegas; o recoñecemento de estudos para os alumnos que queiran cursar ensino superior en Galicia e o impulso e diversificación de investimentos e relacións comerciais con estas nacións.

Así o asegurou esta mañá durante a recepción ofrecida no Pazo de Raxoi aos embaixadores e representantes diplomáticos dos países da Liga Árabe en España, de visita estes días na capital de Galicia.

Pérez Touriño salientou que as “potencialidades” comerciais cos países árabes “son enormes e deben ser abordadas con iniciativa, perseveranza e creatividade”, motivo polo que anunciou que a Xunta impulsará estas catro liñas de actuación.

A primeira delas, segundo explicou, pasa por impulsar o establecemento de consulados de países árabes en Galicia de forma que se contribúa a facilitar os trámites administrativos de todos os que desexen establecer contactos cos países árabes, “sexan persoas físicas ou xurídicas”.

En segundo lugar, Touriño apostou por potenciar o impulso do estudo da lingua e a cultura árabe nas tres universidades galegas. Como terceiro eixe de actuación incidiu na necesidade de buscar fórmulas que posibiliten o recoñecemento de estudos para alumnos árabes que queiran cursar estudos nas universidades galegas. E, finalmente, avogou por establecer as bases para “impulsar, dinamizar e diversificar” os investimentos e as relacións comerciais entre Galicia e os países árabes en ámbitos como o turismo –“no que espero que mañá se concrete unha iniciativa de colaboración”-, o termalismo, a pesca, o sector da madeira e a construción.

“Nun mundo cada vez máis globalizado, Galicia agarda asumir un elevado compromiso de interrelación cos países árabes, na busca de espazos de encontro e intercambio que permitan fomentar as relacións de multilateralidade e multipolaridade como elementos esenciais na construción do mundo do século XXI”, salientou.

Na súa intervención ante os embaixadores e diplomáticos, o máximo mandatario galego incidiu en que na actualidade existe un aumento na “interrelación de prioridades e intereses” entre Galicia e o Mundo Árabe, como o demostran a notable presenza en Galicia de colectivos inmigrantes árabes, especialmente procedentes de Siria, Líbano e Palestina, e as “estratéxicas relacións comerciais e económicas” con países como Marrocos, Mauritania, Iraq, Sudán e os Emiratos Árabes Unidos en sectores como a pesca, as políticas marítimas, as telecomunicacións ou a construción.

Relacións culturais
Sen esquecer, agregou o presidente, as relacións culturais, das que puxo como exemplo a inauguración en setembro pasado da Biblioteca Álvaro Cunqueiro en Damasco ou a presenza de numerosos estudantes palestinos e árabes nas universidades galegas ou o labor social das ONG que xestionan proxectos de cooperación en varios países árabes.

A este respecto, o presidente da Xunta lembrou o acordo asinado polos municipios agrupados no Fondo de Cooperación, a Xunta e o Comité Español da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina co obxecto de rehabilitar vivendas neste territorio.

“Todo isto constitúe unha excelente plataforma para ampliar os nosos intercambios económicos e comerciais, nos que, certamente, abundan as oportunidades para explorar”, sinalou Pérez Touriño, quen lembrou que o comercio bilateral ascendeu en 2006 a 1.674 millóns de euros.

Alianza de Civilizacións
Na súa intervención ante os embaixadores e diplomáticos árabes, o presidente da Xunta analizou tamén a situación que se vive na zona e as iniciativas postas en marcha para buscar solucións aos conflitos actuais. A este respecto, expresou o seu respaldo ao compromiso adoptado polo presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, o primeiro ministro de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, xunto co ex secretario xeral da ONU e o ex presidente de Irán para o impulso da iniciativa da Alianza e o Diálogo de Civilizacións.

“Consideramos que esta proposta constitúe un marco vital de referencia para tender pontes entre as distintas culturas e comunidades, promover valores esenciais como o respecto, o coñecemento e a tolerancia relixiosa, así como o diálogo, o entendemento e o impulso á democratización, bases todas elas indispensables para impulsar a solución dos problemas mundiais e destacar o proceso de interdependencia entre as respectivas sociedades nun mundo cada vez máis globalizado e complexo”, expresou.

Neste contexto, o presidente considerou “esencial” a preservación de mecanismos de relación entre Europa e o Mundo Árabe e destacou neste senso iniciativas como a apertura da Casa Árabe en Madrid ou o compromiso de celebrar unha Conferencia Política para resolver as diferenzas entre Europa e os países árabes, así como os conflitos que asolan Oriente Próximo.

Finalmente, o presidente considerou “esencial e primordial” a busca dunha solución xusta do conflito árabe-palestino-israelí para poder acadar “un eficaz marco de cooperación rexional que permita avanzar nos mecanismos de diálogo, paz e resolución de conflitos”. Respecto de Iraq, e tras manifestar o “inquebrantable apoio ao Goberno lexítimo iraquí” e ao Pacto Internacional para Iraq impulsado pola ONU, o presidente considerou esencial incluír no marco de negociación a todas as foras políticas e sociais deste país para conformar un “diálogo frutífero” de unidade nacional, pacificación e reconciliación.

Asistentes
No acto desta mañá participaron os embaixadores de Arabia Saudí, S.A.R. Príncipe Saud Bin Naid Bin Abdulaziz Al Saud; Libia, Abdulwahed R. Gammudi; Iraq, Talal Hashim Al-Khudairi; Emiratos Árabes Unidaos, Sultan M. Al-Qortasi Al-Noaimi; Túnez, Habib M´Barek; Arxelia, Mohammed Haneche; Siria, Makram Obeid; Exipto, Yasser Morad Osman Hosny; Sudán, Eluzai Moga Yokwe; Omán, Hilal Bin Marhoon Bin Salim Al Mamari, así como o director-embaixador da Liga Árabe, Hassine Bouzid; o delegado xeral da Autoridade Nacional Palestina, Musa Amer Odeh, e o encargado de Negocios de Yemen, Abbouirahman M.Kamarani, entre outros. Ademais, por parte do Goberno galego, asistiu o secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino.


Data: 11:31 - 14/04/2007
Áreas temáticas: Área de Goberno Galego
Fonte: Presidencia

Galiza. Touriño presidirá a vindeira semana o Cumio de Guimaraes que aprobará o Plan Estratéxico de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2007-2013, dotado con 97 millóns de euros

O presidente da Xunta desprazarase ao país veciño para participar no plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal
Xunta de Galizia 07/04/2007

O titular da Xunta e o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Carlos Lage, participarán nun coloquio o vindeiro xoves baixo o lema Galicia e Norte de Portugal, Estratexia de Cooperación 2007-2013

O venres terá lugar a xuntanza da Comunidade de Traballo en Guimarães, onde se presentará a súa nova estrutura orgánica

Santiago, 7 de abril de 2007.- O titular do Executivo galego e presidente da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, Emilio Pérez Touriño, presidirá o vindeiro venres na localidade lusa de Guimarães, o cumio entre Galicia e o Norte de Portugal que vai aprobar do Plan Estratéxico de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2007-2013. Este plan, que deberá ser aprobado polo plenario, marca unha nova estratexia de cooperación territorial para a Eurorrexión e conta cun orzamento de 97 millóns de euros.

Será a primeira vez que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal conte cun Plan Estratéxico propio que defina obxectivos e programas e marque claramente as liñas de actuación para aplicar o volume de fondos financeiros dos que vai dispor entre 2007 e 2013.

O plan estratéxico de cooperación centrarase en catro liñas fundamentais: o fomento da competitividade e a promoción do emprego, o medio ambiente, a preservación do patrimonio e o desenvolvemento sustentable; a ordenación do territorio e a mellora da accesibilidade á eurorrexión; e a integración socioeconómica.

Coloquio en Porto
O día anterior á celebración do plenario, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Carlos Lage, participarán nun coloquio en Porto baixo o lema Galicia e Norte de Portugal, Estratexia de Cooperación 2007-2013.

Neste foro, o presidente da Xunta terá a oportunidade de defender o traballo realizado na procura de acadar un territorio, o da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, máis atractivo para traballar e para investir. Así mesmo, defenderá incrementar a produtividade do tecido empresarial e aumentar a súa cohesión social e territorial, dentro do ámbito dunhas relacións de cooperación “de segunda xeración”, como ten sinalado en numerosas ocasións.

No marco do encontro de traballo que se celebrará en Guimarães presentarase, así mesmo, a nova estrutura orgánica da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, CTG-NP.

Está previsto que asistan á xuntanza por parte do Goberno galego, ademais do presidente da Xunta, os conselleiros de Política Territorial, María José Caride, e de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, así como o secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino.